Vivenda comunitaria
Será unha vivenda comunitaria de 400 m2 útiles na que se lle prestará atención a 12 persoas, mantendo unha grande similitude cun fogar normal. Constará de dormitorios, espazos comúns, cociña, sala de estar, comedor, almacén, lavandería, aseos adaptados, zona de administración e un pequeno apartamento para os coidadores.
O importe da construción do centro ascenderá a 343.543 €, dos que o 174.142 € serán aportados por AGADER a través das subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia do ano 2010.
Esta obra é o complemento ideal para o centro de día, xa que os nosos maiores precisan de coidados acordes para a súa idade tamén durante a noite.
Con esta nova residencia e co centro de día continúanse a crear novos postos de traballo para os veciños do Concello, que se formaron no módulo de benestar e asistencia social do obradoiro de emprego Castrelo Náutico ou nos cursos de formación impartidos no último ano como o de Coidadores de Persoas Maiores en Situación de Dependencia no Medio Rural ou o de Formación para Asistentes Persoais.

