Servizos sociais e benestar
Os nosos maiores, as persoas con problemas de mobilidade ou os máis desfavorecidos son os beneficiarios directos da aposta polos servizos sociais que se fixo na última lexislatura, uns beneficios que se reflicten na calidade de vida do concello.
Teleasistencia domiciliaria
A Teleasistencia domiciliaria é un servizo que serve para que os usuarios estean conectados permanentemente, a través dun interruptor persoal (en forma de pulseira ou colgante), a unha central de atención que funciona as 24 horas do día, os 365 días do ano, atendida por operadores que recollen as chamadas. Así, no caso de acontecer algunha emerxencia, a cadea de socorro porase en acción rápidamente.
Para solicitar o servizo, os interesados teñen que dirixirse ao departamento de servizos sociais do Concello, os luns, martes ou venres. Tanto a inscrición coma o servizo serán gratuítos.
Obradoiros e charlas informativas
Co obxectivo de mellorar os coñecementos dos veciños de Castrelo de Miño en materia de coidados persoais, realizáronse diversas charlas informativas, que trataron sobre o Alzheimer e sobre Dietas saudables e afectividade nas persoas maiores. Estas charlas realizáronse en distintas parroquias do concello en instalacións municipais e das distintas asociacións. En xaneiro de 2011 desenvolveuse en colaboración con Solidariedade Interxeracional un Taller de Memoria, cunha duración de 60 horas.
Obradoiros e cursos da Cruz Vermella
O Concello de Castrelo de Miño tendo en conta a avanzada idade de moitos dos seus veciños e a importancia para eles de ter comportamentos e pautas que melloren as súas condicións de vida, organizou diversos obradoiros e charlas sociais dirixidas ás persoas maiores.
O obradoiro dos sentidos e axilidade mental e o de memoria e axilidade mental, estaban destinados a pasar ratos de lecer compartindo actividades con outra xente maior, e ao mesmo tempo facer exercicios que axuden a manter en funcionamento a mente e así conservar a axilidade de pensamento.
Tamén se organizaron outros obradoiros en colaboración con Cruz Vermella do Ribeiro sobre hábitos saudables, obradoiro de memoria e outro denominado “Aprende a coidarte”, onde se trataban os temas dos hábitos saudables, mente activa e afectividade.
065
O 065 é un servizo de transporte programado e non urxente para persoas dependentes ou con discapacidades. As persoas beneficiarias deberán ter unha minusvalía mínima do 65 % e ter unha cita ca asistente social do Concello, que elaborará un informe no que conste a imposibilidade de utilizar o transporte público e facilitaráselle o formulario de solicitude do servizo.
Os vehículos do 065 están adaptados a distintos tipos de discapacidades e están pensados para desprazar as persoas a residencias, centros de día ou outros centros sociais, desprazamentos para a realización de actividades básicas da vida diaria que favorezan a autonomía e o desenvolvemento persoal (asistencia a xulgados, notarios ou outras xestións, actividades relacionadas co coidado persoal ou terapéuticas, actividades de carácter sociofamiliar ou para a adquisición de bens e servizos necesarios para as actividades da vida diaria).
Tamén se farán traslados para actividades con fins formativos e educativos. O servizo debe ser solicitado polo menos con 48 horas de antelación para permitir a programación das rutas. O equipo de transporte adaptado componse dun condutor e dun coidador que axuda a subir e baixar do vehículo e realiza o acompañamento na viaxe.
Banco de alimentos
Todos aquelas persoas empadroadas en Castrelo de Miño, que teñan unha renda baixa, poden solicitar ser beneficiarios do Plan de Axuda de alimentos da Comunidade Europea ós máis necesitados de Galicia, polo que se lle entregaran periodicamente unha serie de alimentos de primeira necesidade.
Centros médicos
O Concello de Castrelo de Miño apostou polos seus tres centros médicos, realizando en todos eles as melloras necesarias para a prestación dun servizo óptimo.



