Protección Civil
O 21 de decembro de 2007 creouse a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Castrelo de Miño, que comezou a funcionar a comezos de 2008 e que neste momento compoñen arredor de 30 voluntarios.
Os membros desta agrupación forman tamén o Grupo Local de Pronto Auxilio (GLPA), que ten como función principal a prevención e extinción de incendios. Para iso contan cun vehículo todo terreo, un remolque cisterna e máis un remolque para material de extinción, ademais dun tractor con cisterna. Outra das tarefas importantes é a de socorrismo acuático e vixilancia no río, para o que contan c unha lancha pneumática. Control de tráfico, atención de emerxencias, vixilancia, auxilio en accidentes, son outras das moitas tarefas que realizan estas voluntarias e voluntarios e que son indispensables no desenvolvemento dos eventos que se celebran no concello.
Para facerse voluntario de Protección Civil so é necesario ter máis de 18 anos e facer un curso básico de formación, podendo así colaborar nas tarefas que realizan. Para mellorar as súas labores, a comezos de marzo de 2011 inaugurouse a nova sede de Protección Civil, situada no primeiro andar do edificio que acolle o Consultorio Médico de Prado de Miño, un lugar céntrico do concello o que permite un rápido despregue de efectivos en caso de emerxencia.

