Obradoiro de emprego

Nos obradoiros ofrécese tamén orientación e asesoramento laboral, educación compensatoria para os participantes que non rematasen a ESO e formación en seguridade e saúde no traballo, sensibilización medioambiental e igualdade de xénero.

O Concello de Castrelo de Miño, redactou o proxecto do Obradoiro de Emprego “Castrelo Náutico” e presentouno á orde de axudas de 30 de decembro de 2008, sendo aprobado o 21 de outubro de 2009 pola Consellería de Traballo e Servizos Sociais e converténdose así no primeiro Obradoiro que se desenvolve no concello de Castrelo de Miño.

Contou cun total de 25 prazas para alumnos-traballadores/as que se repartiron en tres módulos: Axuda no fogar, Servizos náuticos e Restauración de zonas degradadas e áreas termais.

Os módulos elixidos permitiron a formación de persoas de Castrelo de Miño en nichos de emprego que se están xerando no propio concello: axuda no fogar para o centro de día, a residencia de maiores e asistencia a domicilio, servizos náuticos para o Parque Náutico de Galicia, e áreas degradadas para a recuperación de zonas como o camiño dos pescadores e para o mantemento de novas áreas como as pozas de Paradela.

O investimento total supuxo un importe de 583.405 euros.

1.) AXUDA NO FOGAR: (8 alumnostraballadores/ as)

O módulo de “Axuda no fogar” pensouse para formar ás persoas participantes no desempeño das tarefas e actividades relacionadas coa atención, no seu domicilio, a persoas en situación de dependencia. A finalidade é mellorar a súa calidade de vida, tentando prolongar o máximo posible o ingreso en centros para maiores lonxe das súas casas, e facilitando a labor das familias que teñen persoas dependentes ao seu cargo.

Pretende ser unha solución a unha problemática manifesta nos concellos do rural, que contan cunha poboación cada vez mais envellecida e dependente, como é o caso do concello de Castrelo de Miño, onde un 40% dos nosos veciños ten un idade superior ós 65 anos.

Dentro deste módulo realizáronse unha serie de xornadas con persoas maiores, nas que as alumnas e os alumnos deste módulo puxeron en práctica os seus coñecementos, acadando unha elevada participación e unha grande satisfacción dos participantes. As actividades consistiron tanto en exercicios físicos para a mellora da saúde como exercicios para a exercitación da memoria e da actividade intelectual.

2.) SERVIZOS NÁUTICOS (8 alumnos- traballadores/as)

Un dos principais reclamos turísticos cos que conta o concello de Castrelo de Miño é o Parque Náutico de Galicia, onde se desenvolven gran número de competicións deportivas náuticas de ámbito nacional e internacional.

O principal obxectivo deste módulo era dotar ós alumnos-traballadores/as dos coñecementos necesarios para o arranxo das embarcacións de recreo e deportivas que se usan de xeito habitual neste complexo.

Finalmente, para comparar os avances experimentados neste ámbito e co fin de non esquecer a tradición existente na zona, contemplouse a recuperación dunha antiga actividade: a construción de barcas de río de madeira, tan típica nos territorios bañados polo río Miño. Isto fíxose seguindo as artes e técnicas de construción tradicionais e utilizando os mesmos materiais e ferramentas.

Para este módulo instalouse no Parque Náutico de Galicia un moderno taller de carpintería que quedará en uso para o Concello. Este módulo xerará un caudal de persoas especializadas con un gran potencial laboral para un futuro próximo no Complexo de Turismo Náutico de Castrelo de Miño, onde se necesitarán profesionais para desenvolver as tarefas de mantemento das embarcacións e das actividades náuticas.

A celebración de distintos campionatos nas instalacións do Parque Náutico de Galicia permitiron poñer en práctica os coñecementos adquiridos.

3.) RESTAURACIÓN DE ÁREAS DEGRADADAS E ZONAS TERMAIS. (9 alumnos-traballadores/as)

A iniciativa máis innovadora deste módulo foi a realización dunhas pozas termais na zona de Paradela, aproveitando as augas naturais que emanan a unha temperatura de ata 70º C. Estas pozas converteranse nun novo reclamo turístico, ademais dun servizo para os veciños de Castrelo de Miño.

Para completar este traballo e crear un espazo de gran atractivo turístico, crearase unha ruta de sendeirismo que una as novas pozas de Paradela, coas antigas pozas termais de Santa María.

Isto significa ó mesmo tempo unir a zona con máis potencial turístico do concello, onde se atopan as piscinas municipais, o Complexo de Turismo Náutico, a aula de Dinamización da Sociedade da Información,...; cunha das zonas máis tradicionais do concello, onde se sitúan antigas construcións como pazos e casas típicas, así como a Igrexa de Santa María de Castrelo de Miño, declarada ben de interese cultural.