Cursos e obradoiros formativos

Seguridade viaria e seguridade no traballo para condutores de maquinaria agrícola e forestal

O curso estaba dirixido a todo o colectivo de traballadores que pola súa actividade teñen que manexar ou estar ao cargo de calquera maquinaria vinculada ao sector agroforestal, e foi totalmente gratuíto. O obxectivo principal era o de formar aos traballadores acerca das normas e medidas básicas sobre o uso e mantemento da maquinaria co fin de reducir os sinistros laborais no sector agroforestal. A parte práctica realizouse co tractor municipal e as clases teóricas no local da Asociación en Vide.

Cursos para a obtención do carné de aplicador de produtos fitosanitarios

Estes cursos, celebrados desde o ano 2008, tiveron unha duración de 10 horas e permitiron a obtención do carné, de carácter obrigatorio para tódalas persoas que desexen aplicar este tipo de produtos aínda que sexa en explotacións agrícolas privadas.

Obradoiro de Orientación Laboral

O Concello de Castrelo de Miño, a través do seu servizo de Orientación Laboral, desenvolveu unha serie de obradoiros para todas aquelas persoas deste concelloque se atopasen desempregadas, estivesen inscritas como demandantes de emprego e estivesen interesadas en aumentar as súas posibilidades de incorporación ao mercado laboral. Estes obradoiros tiñan tres partes: técnicas de busca de emprego, para saber onde atopar as ofertas de traballo, como solicitalas,...; a entrevista de selección de persoal, para saber como comportarse e o que se busca nun proceso selectivo, e por último, a creación de empresas (autoemprego), para persoas que teñan a inquedanza de emprender e levar adiante unha empresa propia.

Coidadores de persoas con dependencia

Promovido polo Concello de Castrelo de Miño, Solidaridade Interxeneracional organizou coa colaboración da Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros e o Sindicato Labrego Galego, o Curso de Coidadores de Persoas Maiores en Situación de Dependencia no Medio Rural, cunha duración total de 50 horas (3 semanas) foi totalmente gratuíto e desenvolveuse no local da Asociación O Penedo da Forca en Prado de Miño. Os obxectivos deste curso foro

  • Dotar ás persoas de coñecementos básicos sobre a dependencia, o envellecemento e os coidados necesarios.
  • Sensibilizar aos coidadores de persoas maiores en situación de dependencia da importancia de recibir unha formación adecuada.
  • Formar aos coidadores de persoas maiores dependentes en temas relativos ao envellecemento.
  • Dotar aos coidadores de persoas dependentes de recursos e habilidades básicas para coidar aos seus familiares.
  • Dotar aos coidadores familiares de estratexias básicas para planificar o coidado prestado á persoa dependente.

Manipulador de alimentos

O curso de manipulador de alimentos dirixiuse a aquelas persoas que pola súa actividade laboral interveñen en calquera das fases que se suceden entre a produción e o consumo dun alimento.

Tivo unha duración de tres horas, que permitiu obter o Certificado de manipulador de alimentos.

Este curso foi de grande interese para os veciños e veciñas que participan no mercado de produtos naturais na Feira de Castrelo de Miño, xa que como vendedores de produtos alimenticios deben contar con este documento.

Viticultura ecolóxica e biodinámica

Este curso mostrou ás veciñas e aos veciños de Castrelo de Miño novas ideas no cultivo do viñedo, centradas no respecto ao medio ambiente, na sustentabilidade e no uso de produtos e técnicas adecuadas aos ciclos biolóxicos naturais.

Cata de viños

Nun concello produtor de viños de calidade como Castrelo de Miño, facíase necesario un curso coma este no que os veciños aprendesen a apreciar tódalas calidades e matices destes viños.