Probas deportivas

San silvestre

Organizada polo Club Atletismo do Ribeiro, o club Non Stop Training e o Concello de Castrelo de Miño, a San Silvestre de Castrelo de Miño celébrase tódolos 31 de decembro pola tarde. É unha proba xa consolidada no calendario provincial e na última edición participaron máis de 300 corredores percorrendo os 6900 metros do circuíto para os adultos e máis de 30 nenos que competían nun percorrido de 2000 metros. Sen dúbida un xeito diferente de celebrar a Noitevella.

Competicións de pesca

O Open Internacional Black Bass Galicia é unha competición de pesca deportiva que se celebra anualmente no encoro de Castrelo de Miño desde o ano 2008 grazas a organización do club Pesca Sport Ribeiro de Ribadavia.

Este campionato divídese en dúas modalidades, pesca desde a beira e pesca desde embarcación. Na primeira os participantes fan os seus lances desde os peiraos ou desde a beira, mentres que na pesca desde embarcación os pescantíns desprázanse ata as augas interiores do encoro.

Por outro lado a Agrupación Deportiva Natural de Pesca Ribadavia, tamén organiza diferentes campionatos como o recente “Open de Pesca Carpa do Ribeiro”, que se celebrou en agosto de 2010.

En todas estas competicións colaborou activamente o Concello de Castrelo de Miño.

Marcha a pé

Nas súas dúas primeiras edicións recorreu o Coto de Novelle cun percorrido de 25 quilómetros con saída e chegada tamén no Parque Náutico de Castrelo. Esta ruta pasaba polas parroquias de Barral, Santo Estevo e Santa María. Na última edición (2010) trasladouse á zona de Astariz, con saída e chegada no Pavillón Municipal e un percorrido de 16 quilómetros cunha variante de 4 quilómetros para as persoas con problemas de mobilidade. Esta edición pasou polas parroquias de Astariz, Vide de Miño, Prado de Miño e Macendo.

Deste xeito o Concello de Castrelo de Miño deu a coñecer os recursos naturais e paisaxísticos das súas sete parroquias. Contou con máis de 100 participantes que ao rematar a camiñata puideron recuperar folgos nun xantar de convivencia entre tódolos participantes.

BTT Coto de Novelle

Ten un percorrido de 45 quilómetros con saída no Parque Náutico de Castrelo, subida ó Coto Novelle, pasando por lugares como A Bouza, Casardeita, Prado, Oleiros, Parada, San Estevo,... para regresar arredor de dúas horas despois ó lugar de saída.

A organización pon a disposición das e dos participantes vestiarios con duchas, avituallamento, taller, gardería para nenos e, ó rematar a proba, comida para repoñer forzas. Ademais pódese participar en actividades náuticas ou degustar viños do concello con D.O. Ribeiro.

Volta ciclita ó Ribeiro

E tamén o son para os organizadores de competicións, sendo un percorrido fixo na ruta da Volta Ciclista ao Ribeiro.

En 2010 ademais desta proba clásica tamén se celebraron a 1ª Challenge Ciclista de Ourense e o 2º Campionato da Península Ibérica de Ciclismo, reforzando así o interese deste deporte no noso concello.

Rallye de Ourense

O Concello de Castrelo de Miño e os voluntarios da A.V. de Protección Civil de Castrelo de Miño colaboraron coa organización para que os días de competición todo estivese en perfecto estado de limpeza e conservación.

En Castrelo de Miño realizáronse dúas pasadas do tramo chamado “A Seara”, cun percorrido de 14,91 quilómetros cronometrados que os mellores participantes realizaron en menos de 10 minutos.