Grandes campionatos
No ano 2008 celebráronse o Campionato de España Universitario, a XVI Copa de España de Piragüismo en pista, o XXIII Campionato de España e XII Copa de S.M. Rei de Piragüismo en Pista por Federacións Autonómicas, o Campionato Galego de Remo, o Campionato de España de Remo (absoluto, xuvenil, sub23 e veteranos), o Campionato Galego Júnior e Cadete de Piragüismo e o III Campionato de España de Piragüismo categoría infantís.
No 2009, o Campionato Galego de Inverno de Piragüismo, a XXII Copa do Rei de Remo por Autonomías, o Campionato de España de Remo (alevín, infantil e cadete) e no 2010 a XVIII Copa Primavera (alevín, infantil, adaptado) ou o Campionato Galego de Kaiak Polo. Un directivo da Federación Internacional de Remo, acompañado dos presidentes da Federación Española e Galega visitaron as instalacións do Parque Náutico de Galicia e coñeceron de primeira man os proxectos de mellora. O bo facer na organización de campionatos e a calidade das instalacións fixo que Castrelo de Miño fose escollido pola Federación Española e a Federación Internacional de Remo para a celebración en 2012 da Copa da Xuventude, tamén coñecida como Campionato de Europa Júnior, que será a apertura do camiño para a organización de competicións oficiais de carácter internacional en Castrelo de Miño.
Universiada e xogos intercélticos
O primeiro deles son os Xogos Náuticos Intercélticos do Espazo Atlántico nos que participan Irlanda, Illa de Man, País de Gales, Cornualles, Escocia, Bretaña, Asturias, Galicia, Portugal e Euskadi, e que cada ano, durante o verán, reúne a deportistas de varios deportes náuticos como o remo, a vela, o surf, o piragüismo, ou o submarinismo.
O segundo gran evento é a Universiada Vigo 2013, unha manifestación deportiva internacional e un festival cultural que se organiza cada dous anos nunha cidade distinta, e que é o segundo en importancia despois dos Xogos Olímpicos. As Universiadas de Verán constan de 12 deportes fixos e ata tres deportes elixidos polo país anfitrión. Na derradeira edición, a Universiada de Belgrado 2009, participaron uns 6300 atletas, 2700 membros técnicos e 1300 xuíces e árbitros, representando a 150 países diferentes.
Desafortunadamente Vigo non foi a candidatura elixida pola Federación Internacional de Deporte Universitario (FISU) para a Universiada do ano 2013, sendo a gañadora a cidade rusa de Kazán.
A pesar de non concretarse ningunha das dúas candidaturas débese considerar a inclusión das instalacións do Parque Náutico de Galicia como a consolidación do bo traballo realizado nas mesmas, e que as converten en centro de referencia para competicións de primeiro nivel.
Ademais serviu para asinar protocolos de colaboración con grandes cidades como Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Porriño e coa Universidade de Vigo.



