Xuventude

Ao longo destes últimos tres anos desenvolvéronse unha serie continua de actividades e iniciativas dirixidas á xuventude, varias das cales detallamos a seguir:

festa da xuventude

O concello de Castrelo de Miño non se esquece dos seus mozos e mozas, e con este motivo organizáronse varias Festas da Xuventude dentro do programa coñecido como “Castrelecer” (xornadas estivais de lecer cultural). Entre outras actividades estes eventos inclúen animación, festa da espuma, discoteca móbil, ...

festa acuática

Seguindo coa mesma liña da Festa da Xuventude, e incluída no programa “Castrelecer”, o Concello nestes tres últimos anos organizou unha festa acuática na piscina municipal.

programa novas vivencias

O Concello de Castrelo de Miño comezou un novo programa dirixido, fundamentalmente, aos rapaces e rapazas do Concello denominado “Novas Vivencias”; programa mediante o cal o Concello convida aos cativos a vivir novas experiencias en Castrelo de Miño. A primeira delas tivo lugar no Parque Náutico, coincidindo coa Feira de Castrelo, onde os rapaces puideron voar por primeira vez en globo aerostático. Outras experiencias foron subir en Segway ou realizar viaxes culturais e científicos. Este programa terá continuidade durante o 2011, e os máis cativos poderán gozar ao longo do ano de innovadoras experiencias organizadas polo Concello.

noitebús

O Concello de Castrelo en colaboración coa Dirección Xeral de Mobilidade,ofertou durante os anos 2009 e 2010, o servizo de Noitebús. Os sábados á noite, un autobús percorría tódolos núcleos de poboación de Castrelo de Miño e achegaba, en dúas rutas, aos veciños e veciñas interesados en ir pasar a noite de diversión a Ourense ou Ribadavia, sen preocupacións, comodamente e con seguridade. Actualmente este servizo foi suprimido en toda a comunidade autónoma pola Xunta de Galicia.

ribeiro rock

O 31 de outubro de 2008 tivo lugar a 5ª edición do Ribeiro Rock no polideportivo de Astariz; evento que organizou o Concello de Castrelo de Miño, no que actuaron catro grupos de rock ao longo da noite, animando deste xeito aos mozos de mozas do concello e do resto da comarca do Ribeiro. Os grupos Psyquence, Gracias a Nada, Momentos de Duda e Vendetta fixeron vibrar aos asistentes nunha xornada na que a música rock foi a protagonista absoluta.

embárcate en castrelo

En colaboración co Concello de Ourense e o Club Náutico de Castrelo de Miño realizouse este programa consistente na convivencia de 20 mozas e mozos no albergue do Parque Náutico de Galicia, realizando o seu bautismo en deportes náuticos como a vela, o kaiak ou o windsurf.

busca do tesouro

Dentro do programa de actividades para a xuventude desenvolveuse unha Busca do Tesouro con GPS, consistente en ir descubrindo distintas pistas que levan ata outras e finalmente ata un “tesouro”. A actividade desenvolveuse por equipos, fomentando así o traballo de colaboración en grupo, e foi un éxito de participación e de diversión.